A Illa dará visibilidade a tódolos seus clubs coa XV Festa do Deporte

A ILLA> A Illa dará protagonismo a tódolos clubs deportivos do municipio coa décimo quinta edición da Festa do Deporte. O obxectivo é que as nenas e nenos coñezan as diferentes opcións que teñen e seleccionen a modalidade que máis lles gusta. Terá lugar do 25 ao 31 de agosto.

Os diferentes clubs deportivos da Illa terán a oportunidade de amosar as actividades que levan a cabo na XV edición da Festa do Deporte do municipio. Unha celebración que naceu para que tódolos nenos e nenas da vila coñezan as diferentes opcións deportivas coas que conta a Illa.

Grazas a esta festa os participantes proban os diferentes deportes e así escollen o que máis lle gusta.

Na festa levaranse acabo actividades de 10 deportes diferentes. O Céltiga organizará sesións de fútbol e o club de baloncesto dará a coñecer o seu deporte. Pero esta festa cobra maior importancia para os equipos de deportes minoritarios como o Club de Xadrez Dorna, o Club de Piragüismo, o club de Dornas a Vela, o club de Fútbol Gaélico, o club de patinaxe e o Club de Ximnasia Rítmica.

Ademais a fundación de deportes realizará actividades como unha andaina saudable e unha marcha ciclista, con dous obxectivos engadidos, loitar contra o sedentarismo e amosar as paisaxes da illa.

Tódalas actividades son gratuítas pero é necesario inscribirse. O prazo estará aberto ata o día 20 e pode facerse tanto nos diferentes clubs como nas oficinas de turismo e da fundación de deportes.