Corenta e catro adegas de Rías Baixas xa reciben os milleiros de visitantes do Albariño

CAMBADOS> Tralo pregón, Manso baixou do balcón do concello para unirse á comitiva de autoridades. Xuntos cortaron a cinta que marca o inicio simbólico da festa, aínda que xa decenas de persoas ateigaban os stands do Paseo da Calzada.

42 casetas achegan os viños de 44 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas aos milleiros de persoas que pasarán polo Paseo da Calzada. E é que ano a ano a cita bate récords de afluenza de público.

A popularidade do albariño é innegable. Tanto é así que a festa estreou este ano o selo de Interese Turístico Internacional.

O éxito desta festa é un fiel reflexo do que se está a conseguir na Denominación de Orixe Rías Baixas. Como recoñecen dende a Xunta, é o selo de calidade que lidera o sector vitivinícola a nivel galego.

Como xa vén sendo tradición, a oferta do Paseo da Calzada terá unha alternativa máis tranquila e profesional a uns metros. A partires de mañá, o Salón José Peña repite como sé do Túnel do Viño Rías Baixas, que este ano cumpre a súa novena edición.

Tamén mañá comezará a trixésimo primeira Cata Concurso Rías Baixas Albariño. Desenvolverase no Parador de Cambados, con 22 expertos que se encargarán de escoller os mellores viños albariños da anada do 2018. 59 marcas competirán nesta Cata Prima. Xa o venres celebrarase a Cata Derradeira, da que sairán os tres caldos que serán nomeados como os mellores Rías Baixas Albariño. Os premios entregaranse o domingo 4 de agosto durante o Xantar que se celebrará no Pazo Torrado.