A Xunta remite a Ribadumia, Vilanova e Cambados o proxecto para rematar coas verteduras en Cabanelas

RIBADUMIA> Hai avances para solucionar os problemas de verteduras ao Umia. A Xunta acaba de remitirlle aos concellos de Ribadumia, Vilanova e Cambados o proxecto de mellora do bombeo e o colector de Cabanelas. Tamén se prevén reparar os tramos da rede de colectores nos que se detecten infiltracións. En total, a actuación rolda o millón de euros.

A Consellería de Infraestruturas remitiulle aos concellos de Ribadumia, Vilanova e Cambados o proxecto para poñer couto ás verteduras no río Umia, que se detectan na zona de Cabanelas.

O proxecto contempla a mellora do bombeo e do colector de Cabanelas. Tamén se prevé reparar os tramos da rede de colectores nos que se detecten infiltracións, así como os pozos de rexistro que presenten carencias. Un rosario de problemas que preocupa, en especial, en Ribadumia.

Pero as verteduras non proveñen só de Ribadumia. A infraestrutura recibe caudal tamén de varias parroquias de Vilanova e Cambados e tamén de varios polígonos industriais, como Tremoedo ou Sete Pías.

David Castro réstalle importancia á polémica xerada logo da reunión entre o delegado da Xunta en Pontevedra e os alcaldes de Ribadumia e Vilanova, á que non foi convocada a cambadesa Fátima Abal. Cre que o importante é que se solucione o problema canto antes.

O proxecto prevé un investimento de máis dun millón de euros e establece un prazo de execución de 6 meses.