Un incendio destruíu por completo o restaurante Miramar Praia de Boiro

BOIRO> O lume orixinábase onte domingo, ó redor das sete da tarde. Non houbo que lamentar danos persoais, xa que o establecemento estaba pechado no momento no que se orixinou o incendio. A Garda Civil xa abriu unha investigación para tratar de esclarecer as posibles causas.

Arrasado por completo. Este é o estado no que quedou o restaurante Miramar Praia, situado a carón da praia de Barraña, na estrada a Cabo de Cruz . O lume orixinábase onte domingo ó redor das sete da tarde, pouco despois do seu peche. Unha chamada ó 112 alertou ós equipos de emerxencias que rapidamente se desprazaron ata o lugar.

Non houbo que lamentar danos persoais, xa que a esas horas o establecemento xa estaba pechado. Pero os danos materiais si foron cuantiosos. Os bombeiros e o persoal de emerxencias tivo que traballar arreo para sufocar as lapas que con gran virulencia devoraban as instalacións, na súa maioría de madeira. Pero os esforzos foron en balde…

Esta mañá axentes da policía científica da Garda Civil achegáronse ata as instalacións para tratar de recoller mostras que axuden na investigación para tratar de esclarecer a posible orixe das lapas. Todo apunta a un curtocircuíto nalgún dos aparellos eléctricos do restaurante como causa máis probable do lume.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí