En marcha as obras para recuperar o antigo mercado de Moraña

MORAÑA> Xa están en marcha as obras que converterán o antigo mercado de Moraña nun edificio multiusos. Os traballos comezaron hai uns vinte días e, polo de momento, avanzan a bo ritmo. Esta tarde recibiron a visita da alcaldesa e do deputado de cooperación. A actuación conta cun orzamento de preto de 900 mil euros, financiado polos plans de reequilibrio e concellos da Deputación.

En aproximadamente sete meses, o antigo mercado de Moraña reabrirá as súas portas convertido nun edificio multiusos. Hai vinte días comezaron os traballos para dar unha nova vida a este inmoble do centro do pobo.

Segundo a alcaldesa, a intención é gañar máis espazos para as actividades dos veciños. A día de hoxe, a gran maioría celébranse na Casa da Cultura de Moraña; instalacións que xa quedaron pequenas.

A obra está financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra. Son case 900.000 euros procedentes dos plans de Reequilibrio e Concellos.

López Font quixo destacar que nos tres anos de lexislatura, o goberno de Carmela Silva destinou a Moraña preto de 3,4 millóns de euros.