Noia, Lousame e Outes desenvolverán un obradoiro de emprego en materia forestal

NOIA> Noia, Lousame e Outes desenvolverán un obradoiro de emprego conxunto sobre formación forestal. Vinte persoas desempregadas dos tres concellos poderán beneficiarse desta iniciativa, promovida pola Consellería de Traballo. Os concellos de Noia, Outes e Lousame concorreron de forma conxunta á convocatoria dos obradoiros de emprego para poñer en marcha esta innovadora iniciativa. Trátase dun taller formativo en materia forestal e silvicultura que ademais de contribuír a mellorar varias zonas axardinadas urbanas contempla diversas intervencións de poda e desbroce no medio rural. A experiencia dos obradoiros conxuntos desenvolvidos en anos anteriores foi moi positiva, cun alto índice de inserción laboral. O obradoiro, que dará comezo nas próximas semanas, terá unha duración de nove meses.