PONTEVEDRA> O 1 de decembro de 2021 o concello de Pontevedra pechaba a compra do convento de Santa Clara. Un feito que está a piques de cumprir un ano e que non queren deixar pasar de longo. Por iso, os días 3 e 4 do vindeiro mes Santa Clara volverá abrir as portas. Farao con visitas guiadas abertas a todo o público. A maiores, entre o 22 de novembro e o 14 de decembro, a capela do convento acollerá diferentes xornadas sobre a súa historia e os achados. O ciclo estará organizado pola Deputación de Pontevedra.
A piques de cumprirse un ano deste momento, Pontevedra non quere deixar de celebrar o aniversario da compra do convento de Santa Clara.
Foi o 1 de decembro de 2021 cando o concello pechaba a operación. Que dende entón provocou un gran interese entre a veciñanza.
Co gallo do aniversario da súa incorporación ao patrimonio público, Santa Clara volverá abrir as súas portas. Será os días 3 e 4 de decembro.
Os visitantes dividiranse en grupos dun máximo de 30 persoas. Dentro estarán agardándoos os arqueólogos que participaron nos estudos técnicos que se realizaron estes meses, que ofrecerán breves explicacións en oito puntos diferentes.
Isto do lado do concello, pero a Deputación non quere quedar fóra da celebración deste aniversario. A programación incluirá un ciclo de charlas entre o 22 de novembro e o 14 de decembro sobre a historia do convento e os achados feitos ata o de agora.
As charlas celebraranse na capela de Santa Clara os días 22 e 29 de novembro e o 1, 5, 13 e 14 de decembro a partires das 19.30 horas.