O xulgado de Cambados investiga a morte dunha muller tras negarrlle unha ambulancia o 061

SANXENXO> Denuncian a morte dunha muller en Sanxenxo á que lle negaron unha ambulancia. O marido da vítima chamou ao 061 pero dende o servizo lle comunicaron que non había ningún vehículo dispoñible. O home levou á muller ao PAC de Baltar no seu propio vehículo pero a vítima faleceu nada máis chegar.

O xulgado de primeira instancia número 3 de Cambados abriu unha investigación trala morte dunha muller en Sanxenxo. Foi o marido da vítima o que denunciou ao 061 tras negarlle unha ambulancia á súa muller.

Os feitos tiveron lugar o pasado 6 de agosto. Ao redor do medio día a muller comezou a atoparse mal, primeiro con vómitos e posteriormente con dores que incluso lle impedían poñerse en pé, ao notar insensibilidade nas súas pernas. Ao ver que a súa esposa empeoraba, o home chamou ás urxencias sanitarias do 061 solicitando unha ambulancia. Un servizo que lle negaron, segundo explica, porque o servizo de emerxencias non tiña ningún vehículo dispoñible para realizar o traslado. Recomendándolle ao home que levase persoalmente á súa muller ao centro médico máis próximo se non tiña febre. O marido trasladou á vítima no seu propio coche ata o PAC de Baltar pero non puido chegar a tempo. A muller faleceu ás portas do centro sanitario.

O episodio ten lugar nun momento no que tantos os concellos do Salnés como a plataforma SOS Sanidade Pública están denunciando que a situación da sanidade na comarca é alarmante. Este mesmo mércores, a Área Sanitaria de Pontevedra o Salnés acordou co equipo médico do centro de saúde de Baltar reorganizar a atención para garantir a asistencia sanitaria. Os profesionais do centro xunto co queipo directivo cubrirán a ausencia de profesionais nas listas de contratación, planificando a asistencia non programada de todos os pacientes que a requiran nos vindeiros días. A previsión contempla agora a actividade ordinaria de 3 médicos e un pediatra, tamén con cobertura asistencial á poboación desprazada, cun circuíto para a renovación de receitas xestionado pola farmacéutica de Atención Primaria do centro de saúde sanxenxino, así coma cobertura de atención de urxencias extrahospitalarias no Punto de Atención Continuada.

A pesar desta medida, e tras a denuncia do marido da vítima, dende o PSG piden explicacións á xunta de Galicia, e especialmente ao presidente, Alfonso Rueda. Valentín González Formoso denuncia a mala xestión sanitaria do goberno autonómico. Así como tamén a medida levada a cabo no concello sanxenxino para dar vivenda aos médicos, unha medida que o líder do PSG cualificou de insuficiente. Os socialistas culpa ao goberno da Xunta de reducir en máis de 139 millóns de euros os investimentos en sanidade o que se traduciu na perda de preto de 1000 profesionais. Formoso tamén solicitou que se mellore a xestión das listas de agarda en especialización e atención primaria así como o aumento das unidades do servizo de ambulancias.