Mar incrementa o seu orzamento para 2019 nun catro por cento

GALICIA> A Consellería do Mar contará cun orzamento de cento sesenta e un millóns de euros para o vindeiro exercicio. A maior parte do presuposto destinarase á mellora da comercialización dos produtos do mar.

Os orzamentos de Mar para o 2019 experimentan un incremento do catro por cento cun montante total de cento sesenta e un millóns de euros. A maior parte dos fondos, setenta e cinco millóns, destinaranse a liñas de mellora de comercialización dos produtos do mar. Entre elas, as campañas de promoción e consumo, as axudas ás pemes dedicadas a transformación e comercialización ou a participación de Galicia en eventos expositivos a nivel internacional.  Destaca ademais o incremento no programa de competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura nun cinco por cento, superando os sesenta e seis millóns.

No referido a infraestruturas portuarias, destinaranse dezaseis millóns a melloras en diversos peiraos autonómicos: non só en infraestruturas pesqueiras senón na creación de novos amarres; máis de medio millar en total. Procederase tamén a mellorar os servizos nos pantaláns de Ribeira, Cabo de Cruz, Porto do Son, O Xufre ou Vilaxoán.

Outra das liñas de actuación orzamentaria será a mellora das zonas de producción con investimentos  próximos ós trinta millóns de euros

Por último, a Consellería seguirá a realizar un gran esforzo inversor en formación. Destinará máis de nove millóns de euros a reforzar a oferta formativa co fin de incorporar xente nova ó sector pesqueiro. Cómpre destacar ademais as áreas blindadas polas que Mar segue mantendo a súa aposta. Son o Servizo de Gardacostas, o Intecmar e o Cetmar. En todas se incrementa o orzamento con respecto ó actual exercicio.