Chega a Vilagarcía a unidade móbil de información para refuxiados ucraínos

VILAGARCÍA> A unidade móbil de  información para refuxiados ucraínos chegou hoxe a Vilagarcía. O servizo busca ofrecer información e asesoramento ás persoas ucraínas que tiveron que abandona-lo seu país polo estalido da Guerra e que agora viven na contorna. A unidade móbil conta con profesionais da Cruz Vermella, que axuda aos refuxiados en cuestións de todo tipo. As máis habituais, dúbidas para atopar traballo ou poder conseguir algunha prestación económica. Vai permanecer ata o venres na zona da Mariña.

Esta é a unidade móbil de información para persoas refuxiadas ucraínas. O servizo, impulsado pola Xunta, conta con profesionais da Cruz Vermella que poden asesorar aos interesados sobre calquera cuestión. Despois de percorrer varias cidades de Galicia, hoxe chegou a Vilagarcía, onde vai permanecer ata o vindeiro venres.

Dentro da unidade traballan Marta e Anastasia, que é intérprete de ucraíno e ruso. Elas son as encargadas de ofrecer información e asesoramento ás persoas ucraínas que tiveron que abandona-lo seu país polo estalido da Guerra e que agora viven na contorna.

Segundo explica, as dúbidas máis habituais teñen que ver con cuestións laborais. Por exemplo, a busca de emprego ou o xeito de conseguir algunha axuda no tempo que tardan en atopalo. Marta relata que moitos dos que se achegan ata aquí chegan destrozados pola situación que está a vivi-lo seu país, con preocupación polos familiares e amigos que deixaron alá.

Ademais de atención presencial, a unidade móbil de  información para refuxiados ucraínos conta tamén con servizo de atención telefónica. En Vilagarcía, estará ata o vindeiro venres na zona da Mariña, en horario de mañá de 10 a 14 horas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí