RIBEIRA> A presidenta da Comisión de Pesca do Senado visitou Ribeira para coñecer as principais demandas da flota pesqueira. Acompañada polo senador Manuel Ruíz e outros integrantes do Grupo Popular coñeceu as instalacións da conserveira Lou, a lonxa ribeirense e a escola Náutico-Pesqueira.
Membros do Grupo Popular da Comisión de Pesca do Senado recalan estes días en Ribeira para coñecer as necesidades do sector no principal porto de baixura da comunidade.
A presidenta da Comisión decidiu iniciar na localidade a súa rolda de visitas polas áreas de pesca máis importantes de toda a costa española dada a relevancia da flota pesqueira do Barbanza.
Da man do voceiro da comisión, o ribeirense Manuel Ruíz e representantes do sector tiveron ocasión de coñecer as instalacións da conserveira Lou Alma Galega e asistir á subhasta na lonxa de Ribeira.
Dende a súa constitución, a Comisión leva tramitadas 5 comparecencias e 29 mocións, 18 delas promovidas polo Grupo Popular. Quedan por tramitar outra trintena de iniciativas referidas a temas claves para o sector como a necesidade de excluír a conserva no acordo de libre comercio con Tailandia, o recoñecemento dun segundo rexistro para a flota de altura ou o fomento do consumo de peixe co incremento da súa presenza nos menús escolares.











