Tensión e moita expectación en Meis, que aproba por unanimidade situar o ambulatorio na Parga

MEIS> Meis ofrecerá á Xunta o terreo da Casa da Parga para a construción do novo centro de saúde. A proposta foi aprobada onte por unanimidade nun pleno que xerou moita expectación entre a veciñanza. Preto dun cento de persoas acudiu como público á sesión extraordinaria. A alcaldesa aproveitou para defende-la súa xestión fronte ás críticas da oposición. O exalcalde popular mesmo chegou a enfrontarse en varias ocasións co público.

Foi un pleno con moita expectación, con momentos de tensión e mesmo con amagos de tumba-la proposta do goberno local. Finalmente, os tres grupos aprobaron por unanimidade ofrecerlle á Xunta o terreo da Casa da Parga para a construción do novo centro de saúde. A alcaldesa quixo levar a Pleno esta cuestión, logo de que o Sergas paralizase o protocolo asinado o mes pasado, no tempo que tardaban en valorar unha localización alternativa na Rochela. O PP acusou a Marta Giráldez de xestionar mal este asunto, pero de ser moi hábil á hora de mobiliza-los veciños.

Esta intervención de José Luis Pérez non gustou ao cento de veciños que ateigaba o Concello. Tampouco á alcaldesa. O enfrontamento entre o popular e o público foi indo a máis. Tachou a algún dos presentes de ‘hooligan’ e mesmo chegou a responder algunhas acusacións dos veciños, que reprochaban que non tivese feito nada por mellora-la sanidade en Meis nos seus 20 anos de goberno. A alcaldesa aproveitou a oportunidade, contrapoñendo o feito polo seu goberno neste mandato fronte a etapa do PP.

O BNG, pola súa banda, asegurou estar de acordo en contruí-lo ambulatorio tanto na parcela da Rochela como a da Parga. O seu voceiro tentou darlle ao tema unha nova volta de torca, propoñendo a convocatoria dunha consulta popular que decidise a localización final.

Pero a alcaldesa retrucoulle que xa chegara o momento de pronunciarse e votar pola proposta sobre a Parga que estaban a debater. E aínda que os nacionalistas avanzaron un ‘non’ e os populares mesmo tentaron para-la sesión para manter un encontro co Bloque e decidi-lo sentido do seu voto, finalmente todos votaron a favor. Iso si, cun matiz:  ofrecerase o terreo sen incluír no texto a mención ao protocolo xa asinado co Sergas.

E así, cando xa parecía que a batalla estaba perdida, a alcaldesa fíxose co apoio de todo o Pleno e co aplauso do público. Un aplauso ao que despois se uniron, tanto os concelleiros do goberno como os dos dous grupos da oposición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí