O novo servizo de ambulancias empeorará a cobertura no Salnés

VILAGARCÍA> A CIG denuncia a cara B do concurso para o novo servizo de ambulancias. O sindicato asegura que na comarca do Salnés a proposta da Xunta supón un empeoramento da cobertura diaria. A dotación da demandada ambulancia medicalizada virá acompañada da supresión do vehículo asistencial que cubría Vilagarcía e os seus arredores 12 horas diarias. Unha medida que, aseguran, desprotexe os veciños e aumentará as agardas.

Vilagarcía e a súa contorna perderán calidade asistencial co novo concurso da Xunta para adxudicar o servizo de ambulancias no Salnés. Aínda que a concesión traerá á comarca a demandada medicalizada, eliminará unha asistencial con base na capital arousá.

Dende a CIG denuncian que a medida non vén apoiada polas cifras. A ambulancia que se retirará co novo servizo apoiaba á que traballa 24 horas en Vilagarcía e na contorna. Xuntas realizaban ao redor de 5.300 servizos  por ano. Un traballo que non vai realizar a medicalizada.

A eliminación desta ambulancia aforrará á Xunta uns 130 mil euros ao ano. Pola súa banda, dotar a medicalizada dun único técnico de ambulancias suporá a perda de 30 postos de traballo.

Ademais, a CIG sinala ao alcalde de Vilanova como o responsable de que O Salnés non contara antes cunha ambulancia de soporte vital avanzado.

O sindicato fai un chamamento ao sentido común. Esta semana manterán un encontro co 061 para reclamar un cambio na súa postura.