Noia avanza no proxecto de musealización do legado de Antón Avilés de Taramancos

NOIA> A idea de musealización do legado de Antón Avilés de Taramancos é algo que dende hai tempo persegue a concellería de Cultura, pero que, por unhas ou outras razóns, nunca chegou a materializarse.

Agora todo parece máis preto, e grazas á aprobación da familia, podería materializarse xa o vindeiro ano, saldando unha débeda pendente co escritor noiés.

O legado que está disposto a ceder a familia é do máis completo e componse dun amplo arquivo documental e artístico, con manuscritos, primeiras edicións, cartas persoais e mesmo a súa biblioteca particular.

A idea é crear este espazo na propia casa de cultura que leva o seu nome, permitindo así a divulgación da súa vida e obra, para que todos teñan acceso a ela.

A familia agradece o xesto, agardando a que todo frutifique, e o proxecto poida ser xa unha realidade máis cedo que tarde.

Para que a iniciativa vexa luz, polo menos a nivel estrutural, o Concello busca tamén o apoio doutras administracións como é o caso da Deputación da Coruña e a consellería de Cultura, que, de primeiras, se mostraron dispostas a colaborar co proxecto.