Cambados elimina un punto negro da súa rede viaria coa creación dunha rotonda no Pombal

CAMBADOS> Rematou a mellora da seguridade viaria na contorna do Pombal, en Cambados. Alí creouse unha nova rotonda para darlle máis fluidez ao tráfico e evitar sinistros. Aquel era un punto negro dentro da rede viaria do municipio, ao tratarse dunha intersección moi transitada.

A mellora da seguridade viaria nesta intersección do Pombal, en Cambados, é xa unha realidade. Aquí creouse unha nova rotonda que vén dar solución aos problemas de tráfico que se rexistraban dende hai tempo. Aproveitando as obras da rotonda, executáronse tamén outras melloras na súa contorna.

O orzamento de todas estas actuacións non chegou aos 40.000 euros, financiados integramente a través do Plan Concellos da Deputación. Unha actuación necesaria, entenden no concello, polos accidentes que se teñen producido nos últimos anos.

Segundo indican dende o goberno local este era o punto máis crítico da rede viaria no casco urbano de Cambados. No novo plan de mobilidade que en breve verá a luz, incluiranse tamén outros puntos no resto do municipio co obxectivo de ilos subsanando o antes posible.