En Marea pedirá ó novo goberno que revogue a prórroga de ENCE

PONTEVEDRA> En Marea pedirá no Congreso que se revogue a prórroga a ENCE. No Parlamento presentará sendas Proposicións Non de Lei para que a Xunta inste ó goberno a esta revisión e para paralizar a ampliación da EDAR dos Praceres. Así o explicou esta mañá o seu voceiro autonómico, Luís Villares, acompañado de Luís Rei, e Teresa Casal.

En Marea presentará no Congreso unha moción para que o goberno leve a cabo unha revisión de oficio da aprobación por parte do anterior executivo da prórroga de ENCE. Ó mesmo tempo presentarán unha proposición non de lei no Parlamento autonómico para que tras o debate na cámara se inste ó goberno a realizar esta revisión.

Se esta revisión prospera e se retira a prórroga a ENCE, a Autorización Ambiental Integrada revisada esta mesma semana perdería validez, xa que estaría baseada nun acto xurídico inexistente.

Ademais En Marea presentará no Parlamento outra proposta non de lei para paralizar a ampliación da EDAR dos Praceres, comezando pola retirada do anteproxecto de emisario submarino publicado o 5 de outubro .

Con esta iniciativa queren poñerse de parte dun barrio que consideran especialmente maltratado, pedindo sustentabilidade e habitabilidade para os veciños.

A ampliación non sería necesaria, segundo Marea, se se reduce a carga da actual depuradora, limitando as augas residuais que chegan a ela ó Concello de Pontevedra, polo que instan á Consellería de Medio Ambiente a que os concellos limítrofes, conten co seu propio sistema de depuración, nomeadamente, Poio, Marín, Vilaboa e Ponte Caldelas.

Solicitarán tamén que se comece a recuperación da marisma de Lourizán e da calidade das súas augas para recuperar tamén o banco marisqueiro.