O BNG e Verdegaia presentan alegacións ó PRUX de Corrubedo

RIBEIRA> O BNG de Ribeira presentou unha serie de alegacións ó Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural de Corrubedo. Entre outros aspectos, demandan un maior control de visitantes e mellora da sinalización así como a promoción de actividades agropecuarias entre os propietarios dos terreos do parque.

Segundo os nacionalistas este plan chega tarde e mal. Tarde posto que o Plan de Ordenación de Recursos naturais do complexo dunar de Corrubedo aprobouse en 1992, anterior á lei galega de Conservación da Natureza co que o PRUX non está actualizado. Tampocou se adaptaría ó PXOM posto que está sen actualizar.

Botan en falta ademais algunhas medidas que debería contemplar o documento como a maior dotación de persoal para o control de visitantes ou a dotación de partidas económicas para promover actividades agrícolas nos terreos do parque que durante anos ficaron abandonados ante a falla dun plan que regulara os posibles usos.

Demandan ademais un programa financeiro concreto para o parque, un plan de eliminación de especies invasoras e a mellora da sinalización co fin de dinamizar o Centro de Interpretación e a Casa da Costa.

Tamén a asociación ecoloxista Verdegaia vén de remitir unha serie de emendas que coinciden en gran medida coas propostas do BNG. Critican que este plan non precisa os usos nin delimita as zonas do parque en función dos seus niveis de protección. Por isto, propoñen a ampliación do parque cara outros espazos que conforman a Rede Natura como é o Cabo Corrubedo para crear corredores ecolóxicos.

Dado que o parque está delimitado en máis do setenta por cento da súa contorna por estradas, dende Verdegaia cren necesario que se establezan medidas para minorar a intensidade e velocidade do tráfico. Por estes motivos, demandan unha nova redacción do Plan adecuada ás necesidades de protección do parque.