Sanxenxo acolle dende esta mañá 54 migrantes procedentes de Canarias

SANXENXO> Os 54 migrantes procedentes de Canarias xa están en Sanxenxo. O grupo alóxase no hotel Baixamar, preto da praia de Areas. Chegaron pouco antes das sete desta mañá, nun autobús procedente do aeroporto de Madrid. Foron recibidos por membros dunha ONG.

Despois de varios cambios de data, finalmente foi esta mañá cando o grupo de migrantes chegaba ao concello de Sanxenxo, procedente de Canarias, a onde chegaron en caiucos arriscando a súa vida dende Senegal, Mali ou Gambia.

Son 54 persoas, todos eles mozos varóns de entre 18 e 25 anos. Todos eles están aloxados xa neste hotel Baixamar, en Areas. O autobús que os trasnportaba chegaba á localidade pouco antes das sete desta mañá, procedente do aeroporto de Madrid.

Aquí agardaban por eles membros da ONG Accem. Ofrecéronlles almorzo e repartíronos polas diferentes habitacións. Este colectivo encargarase tamén de prestarlles axuda social e psicolóxica. En total, contarán cun equipo de seis profesionais

Deste xeito ponse fin a un proceso que veu marcado pola falta de información e polo baile de datos. Nun primeiro momento dixérase que para Sanxenxo ían vir 350 migrantes, cando finalmente a cifra reduciuse a 54. Tamén se mudou en varias ocasións a data de chegada: do un de novembro, pospúxose á pasada fin de semena e de aí, ao martes… para finalmente chegar este xoves.

A previsión é que o grupo permaneza aloxado neste hotel polo menos un mes. Durante este tempo recibirán clases de castelán e explicacións sobre o país que os está acollendo.