A alcaldesa de Cambados culpa a Luís Aragunde da falta de axentes na Policía Local

CAMBADOS> Tamén para frea-la vaga de roubos, o Concello de Cambados vai manter unha xuntanza coa Subdelegada do Goberno en Pontevedra, co obxectivo de incrementa-lo número de axentes da Policía Local. A alcaldesa recoñece que o número de policías é insuficiente. Culpa ó anterior rexedor, a Luís Aragunde, desta situación.

O cadro de persoal da Policía Local preocupa ó Concello de Cambados. A falta de axentes puxo de acordo ás catro formacións do cuadripartito: urxe buscar canto antes unha solución. Para iso, queren celebrar unha xuntanza coa delegada do Goberno en Pontevedra. Nese encontro participarían tamén representantes do comercio local, para poñer sobre a mesa as situacións de inseguridade vividas en moitos establecementos, poñendo o foco nos roubos rexistrados nas últimas semanas.

Con todo, a incorporación de novos axentes á Policía Local non é algo doado. O corpo conta arestora con catro persoas interinas dende o 2009. A lei de coordinación da Policía Local deu un prazo para que eses casos fosen regularizados e incorporados ó cadro de persoal, algo que tería que ter feito a anterior corporación municipal. A actual alcaldesa culpa ó seu predecesor deste situación.

Sobre o último episodio de roubos rexistrados en Cambados, durante a pasada fin de semana, hoxe sóubose que os seus autores xa foron identificados: trátase dun grupo de mozos que roldan os 18 anos.

Dende o Concello aproveitan para felicitar á Garda Civil polo seu traballo, que culminou coa identificación dos ladróns apenas unhas horas despois de teren cometido os roubos.