Meis homenaxea ao exalcalde Jorge Casal cunha rúa

MEIS> Esta fin de semana, o concello de Meis homenaxeou a quen fora o primeiro alcalde do municipio da democracia, Jorge Casal. Ademais da súa faceta como rexedor, Casal tamén é recordado con agarimo por moitos veciños polo seu traballo como mestre no colexio público de Mosteiro. Agora, a rúa que pasa por diante do centro, leva o seu nome.

Unha rúa do concello de Meis xa leva o nome de Jorge Casal. Ademais da súa faceta como primeiro rexedor do municipio da democracia e ata o ano 1999, exerceu de mestre e director do colexio do Mosteiro. Agora é a rúa que pasa por este centro a escollida para homenaxealo.

Tralo descubrimento da placa que bautiza a rúa, Casal Pintos recordou aos seus 90 anos o seu paso polo consistorio como alcalde. Posto que ocupou durante 20 anos.

Ao acto celebrado onte non faltaron veciños, exalumnos familiares e representantes da corporación meisina. Tampouco personalidades do mundo da política, como o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o expresidente da Deputación Rafael Louzán, ou a presidenta do Congreso, Ana Pastor.

O asfaltado de numerosos camiños de terra, a construción do pavillón de deportes, a ampliación do centro de saúde de Mosteiro e o levantamento do de San Martiño, ou a contratación da construción da casa da cultura, foron algunhas obras que forman parte do legado da alcaldía de Jorge Casal.