Barbanza-Arousa impulsa o seu destino cun ‘fam trip’

BARBANZA> A Mancomunidade Barbanza-Arousa desenvolveu esta semana un ‘Fam Trip’ con axencias nacionais e internacionais. O obxectivo da proposta non era outra que darlle a coñecer os principais recursos turísticos desta zona, e de paso impulsar a comercialización do destino Barbanza Arousa.

A Mancomunidade Barbanza-Arousa, no seu empeño de promocionar turísticamente esta zona, veu realizando ó longo de toda esta semana un ‘fam trip’, ou o que é o mesmo, unha viaxe de familiarización, no que tomaron parte unhas 15 axencias nacionais e internacionais, para que puideran vivir a experiencia deste destino turístico en primeira persoa.

Onte púñase o punto e final a esta proposta, cunha cea no hotel Norat en Palmeira, na que participaron, ademais da xerencia da entidade, os catro alcaldes dos concellos que integran Barbanza-Arousa. Pero non só iso, o acto foi aproveitado tamén pola Mancomunidade como posta en común da experiencia e así poder coñecer a súa valoración da visita.

Os representantes de axencias chegadas dende Andorra, Madrid, Cataluña, Valencia, Andalucía e Castela-León puxeron en valor esta zona, para moitos deles un territorio aínda descoñecido pero con enormes potencialidades. De aí que dende Barbanza Arousa valoren moi positivamente esta proposta, que permitiu dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico, paisaxístico e cultural desta zona, pero tamén a gastronomía, servindo ademais de promoción do ‘Camiño a Santiago, A Orixe’ que percorre esta comarca.

En definitiva crear diferentes sinerxias que teñan como resultado final impulsar a comercialización do destino Barbanza Arousa en todo o ámbito nacional.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí