RIANXO> Volve repetirse a historia vivida en 2006. O forte vento complicou as tarefas de extinción do incendio que se orixinaba a pasada noite na zona da Paradegüa, no límite dos concellos de Dodro e Rianxo. Aínda pendentes da última actualización de datos por Medio Rural o número de hectáreas de superficie queimada achégase a preto das mil.
O lume orixinábase ó redor das oito da tarde límite entre os concellos de Dodro e Rianxo. O forte vento, con rachas en momentos superiores ós 80 quilómetros por hora, xunto coa abundante maleza existente na zona provocaron a rápida propagación das lapas…
Os medios de extinción que participaron nun primeiro momento, na súa totalidade terrestres, afanábanse nos labores de control do incendio, pero a gran lapa de lume corría xa descontrolada…
Nese momento decidiu cortarse ó tráfico a AC-305, na zona entre Bexo e Burés, así como tamén un tramo da autovía do Barbanza…
Durante toda a noite e nas primeiras horas da mañá a situación complicouse. Os medio aéreos tardaban en chegar…
E o lume ía achegándose endiañado ás zonas das casas. Os medios trataban na medida do posible evitar que isto se producira..
Eran os peores momentos…mascábase a traxedia…o lume asolaba xa as aldas de Meiquiz, Cabanas e Or na parroquia de Leiro.
Pero non era a única zona en perigo. Na parroquia de Asados, en Burés, os veciños traballaban arreo para protexer as súas casas do lume. Todo valía. Caldeiros, mangueiras de xardín..e ata unha improvisada piscina axudaban a manter o lume a raia…
Tamén en Rianxiño onde varias casas estiveron a piques de ser pasto das chamas…
Ao mediodía, e como medida de precaución pola intensa fumareda existente, decidiuse desaloxarse o instituto Félix Muriel e tamén a escola unitaria de Rañó en Leiro.
A situación de perigo e a desesperación volvía a repetirse. Á maioría víñanlle á memoria as imaxes vividas xa no 2006 cando unha vaga de lumes pechou case por completo o municipio.