O sector do mar presenta un plan cunha vintena de medidas para salvar as rías

VILAGARCÍA> Hoxe en Carril presentouse un plan de actuación para salvar os sectores tradicionais do mar de Galicia. Unha proposta que nace do propio sector. Asociacións, plataformas e traballadores reclaman á Xunta de Galicia que actúe para frear a situación na que se atopan pola redución da produtividade das rías e que amplíe as medidas de protección para os mariñeiros e mariscadoras afectados. Tamén fixeron unha valoración da manifestación ‘En defensa do noso mar’ celebrada o pasado 21 de Santiago. Piden aos presidentes das Federacións de Confrarías que non se deixen utilizar con fins políticos e se poñan do lado do sector.

‘Plan de actuación en defensa do noso mar para salvar os sectores tradicionais do mar de Galicia’. É o nome do documento presentado polo propio sector con medidas urxentes nas que implican a Xunta de Galicia, Estado e Unión Europea.

En canto ás medidas medioambientais recolle, por exemplo, a necesidade de mudar a normativa de baleirado dos encoros, unha maior rixidez de Augas de Galicia para o control das verteduras ou o incremento do control sanitario das importacións de marisco. Tamén a necesidade de recuperar as rías.

No referente ás medidas socioeconómicas, consideran que as anunciadas pola Xunta son insuficientes. O sector demanda axudas directas ao sector do mexillón polas perdas no 2023 e ás confrarías. A exención das cotas da Seguridade Social ás mariscadoras mentres que non recuperen a súa actividade ou axudas directas do salario mínimo interprofesional, son outras das propostas.

O sector valorou tamén a mobilización do pasado día 21 en Santiago, na que participaron preto de 20.000 persoas. Lamentaron o posicionamento das Federacións de Confrarías.

O plan que poñen sobre a mesa recolle outras medidas, como iniciativas para promocionar os produtos galegos ou para garantir a seguridade no litoral, para controlar o tráfico marítimo internacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí