CUNTIS> Cuntis sae en defensa do seu Centro de Saúde. As catro formacións políticas con representación municipal van presentar no Parlamento Galego un documento conxunto reclamando a reposición do servizo de pediatría. A localidade leva preto dun mes e medio sen este servizo. Hoxe, ás portas do ambulatorio, tivo lugar a terceira das concentracións reclamando unha sanidade de calidade.
Corenta días sen pediatra e sen trazas de que o haxa. Esa é a situación na que se atopa o Centro de Saúde de Cuntis. O médico de pediatría que había foi trasladado para o ambulatorio da Estrada. Dende aquela, os pequenos da localidade teñen que desprazarse a Caldas ou Moraña para seren atendidos.
Para denunciar esta situación, hoxe volveu tocar saír á rúa para defende-la sanidade pública. É o terceiro venres reivindicativo na localidade. Os veciños din que seguirán reclamando o que lles corresponde: un pediatra e a mellora xeral da asistencia sanitaria.
Ese incremento da presión que demandaban hoxe algúns veciños ás portas do ambulatorio xa atopou resposta na Casa do Concello. As catro formacións con representación no consistorio acordaron este mediodía leva-lo asunto ó Parlamento Galego, a través dun documento conxunto. Dende o bipartito local aproveitaban hoxe para cargar contra o Sergas polo deterioro das prestacións do Centro de Saúde da localidade.
O PP tamén se sumou a ese documento, segundo din, para ‘corrixir’ as deficiencias que está a sufri-lo Centro de Saúde. Ademais, a proposta de Veciñanza, vaise organizar unha marcha-manifestación polas rúas de Cuntis. A medida conta tamén co apoio de tódalas forzas. A manifestación terá lugar o vindeiro 5 de decembro, a partir das 8 da tarde.