BOIRO> O campo municipal de Barraña quedarase mañá pequeno para poder acoller unha nova cita histórica para o Club Deportivo Boiro, como é o encontro amigable que enfrontará a unha selección de amigos do Club Deportivo Boiro contra os veteranos do Real Madrid.
Para poder acoller este partido, que terá lugar ás 12 da mañá, e dar resposta á enorme enorme expectación suscitada, o Club veuse na obriga de ter que instalar unha grada supletoria para ampliar a capacidade do campo…e máis houbera, porque as entradas voaron en cuestión de horas.
Entre os exxogadores madridistas que pisarán mañá o verde de Barraña atópanse vellas glorias do conxunto merengue como é o caso de Buyo, Amavisca, Milla, Pavón, Martín Vázquez ou o propio José Antonio Camacho que se encargará da dirección técnica do equipo.
En fronte, nos veteranos do Amigos do CD Boiro, xogarán exfutbolistas que marcaron época no conxunto boirense como é o caso de Cardeñosa, Pajarillo ou Padin, que estarán reforzados por figuras do fútbol galego como é o caso de Otero, Trashorras ou o propio Fran.
Será, en definitiva un acontecemento de máximo nivel, unha festa deportiva que servirá ademais de homenaxe en memoria de Jesús Alonso, fundador de Jealsa, pola súa contribución e apoio ó deporte local, e en especial ó fútbol.











