BOIRO> O executivo boirense confía en que o proceso de adxudicación das obras de rehabilitación do pazo de Goiáns poida estar resolto a finais deste mes de abril para poder iniciar canto antes os traballos. Dúas empresas foron as únicas que presentaron as súas ofertas para facerse coa actuación.
Con máis retraso do inicialmente previsto, debido ás numerosas trabas administrativas derivadas do proceso de licitación da obra, a adxudicación dos traballos de rehabilitación do pazo de Goiáns podería realizarse xa a finais deste mes de abril. Dúas empresas son as que optan a facerse con esta actuación cun investimento de preto dun millón de euros.
O proxecto de rehabilitación do pazo, declarado Ben de Interese Cultural, incluirá a reforma da vivenda principal e a torre. Aínda que o Concello agarda poder incluir tamén a capela.
Para poder levar a cabo esta importante actuación, o Concello decidiu recorrer a un préstamo, de interese cero, a través do fondo de cooperación do Instituto Galego da Vivenda e do Solo para o financiamento precisamente deste tipo de obras de rehabilitación e conservación do patrimonio naqueles municipios de menos de cincuenta mil habitantes.