Ribadumia lanza un proxecto para mellorar a mobilidade na contorna do colexio de Barrantes

RIBADUMIA> Ribadumia quere moderniza-la contorna do colexio de Barrantes. O goberno local busca mellora-la mobilidade na zona e incrementa-la seguridade nos accesos ao centro. A primeira fase deste proxecto acometerase con fondos procedentes da Deputación de Pontevedra.

Un proxecto ambicioso e global que terá que acometerse por partes. Esta é a carta de presentación das melloras previstas polo Concello de Ribadumia para a contorna do colexio Julia Becerra Malvar.

O executivo local quere mellora-la mobilidade e incrementa-la seguridade peonil na zona. A reforma global superaría o millón e medio de euros, polo que o executivo ribadumiense decidiu establecer varias fases. A primeira delas acometerase con fondos do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra.

Esta primeira parte do proxecto podería arrancar xa no vindeiro mes de xaneiro e conta co respaldo da comunidade educativa. As sucesivas fases a acometer implicarían a reforma do pavillón polideportivo e o acceso ao campo de fútbol. Estas melloras tamén foron consensuadas coas partes afectadas.

Ademais desta actuación, o goberno local mantén sobre a mesa o proxecto da Pousada de Ribadumia. O executivo local explica que o complexo entrou agora nunha nova fase, coa recente aprobación por parte do pleno da Deputación dun plan para a súa regularización. O alcalde aproveita para acusar o PP de mentir sobre a verdadeira situación do establecemento hoteleiro.

Ese plan para a legalización da Pousada saíu adiante por unanimidade no último pleno do ente provincial.