Pontevedra saca agulla e fío á rúa polo Día Mundial do Bordado

PONTEVEDRA> Onte conmemorouse o Día Mundial do Bordado e en Pontevedra medio cento de persoas reuníronse para celebralo. Foi no marco de Vén bordar!, unha iniciativa impulsada pola artista mexicana e veciña da cidade Maritza Bertolini. Un aposta por dar visibilidade ao bordado como expresión artística en pleno espazo público.

Agulla, fío e un anaco de tea son suficientes para dar forma ao que imaxines.

Maritza Bertolini, artista mexicana afincada en Pontevedra, sábeo ben. Ela borda como expresión artística. Unha paixón que quere visibilizar e impulsar.

Grazas a ela Pontevedra celebrou onte por primeira vez o Día Mundial do Bordado. Medio cento de persoas reuníronse a carón do magnolio dos xardíns da Deputación para bordar.

Traballar nas súas pezas e, ao tempo, tecer comunidade.

Bertolini leva tempo transmitindo o seu amor polo bordado. Hai seis anos que imparte obradoiros puntuais e ano e medio que ten cursos regulares. Todo cunha gran acollida.

Porque se á imaxinación e ás ganas sumamos algo de técnica e moita práctica, as posibilidades son infinitas.

Hai fíos que unen, emocionan… e tamén reivindican. Ás veces, unha puntada tamén é unha declaración.

Que nunca falten agulla, fío, tea… nin historias por bordar.