A nova corporación pontevedresa repartirá doce dedicacións exclusivas entre os seus concelleiros

PONTEVEDRA> Pontevedra celebrará o vindeiro luns 26 de xuño o primeiro pleno da nova corporación. Unha sesión que terá dous obxectivos: dunha banda, celebrar o sorteo das mesas electorais para os comicios do 23 de xullo; da outra, aprobar a nova organización. Hoxe os voceiros dos tres grupos políticos aprobaron doce dedicacións exclusivas.

A nova corporación pontevedresa repartirá doce dedicacións exclusivas entre os seus concelleiros. A proposta foi aprobada hoxe por uninamidade por BNG, PP e PSdeG.

Este reparto podería mudar se froitificaran as negociacións entre BNG e PSdeG para formar goberno. Ademais, crearase unha praza técnica para xestionar os fondos europeos.

Os plenos manteranse os penúltimos luns de cada mes ás 11 da mañá. As comisión informativas mudarán a composición e pasarán a estar formadas por catro representantes do PP, tres do BNG e dous do PSOE.

En canto ás achegas económicas, seguirán a ser de 2.700 euros por grupo. Contía á que hai que sumar 300 euros por concelleiro. As asistencias a pleno serán retribuídas con 300 euros. Nas xuntas de goberno, o presidente recibirá 300 mentres que o resto, 200 euros. Nas comisións informativas serán 200 para quen ocupe a presidencia e 180 para o resto de integrantes. Os concelleiros que teñan dedicación exclusiva non cobrarán estas dietas.

O pleno de organización celebrarase o vindeiro luns 26 de xuño ás 12 do mediodía. Unha sesión que se aproveitará tamén para celebrar o sorteo para as mesas electorais dos comicios do 23 de xullo.