CALDAS> Caldas prepárase para a chegada das novas borrascas. O municipio ten a vista posta nas chuvias previstas para este venres, que poderían provocar de novo inundacións. Este mércores a vila respiraba algo aliviada, co Umia volvendo ao seu leito. No municipio mantéñense zonas inundadas, como na contorna da praia fluvial ou nas parroquias de Godos e Saiar.
Así baixaba este mércores o Umia ao seu paso polo centro de Caldas. Coa alerta vermella por inundacións xa desactivada, a vila respiraba hoxe un chisco máis aliviada, co río volvendo ao seu leito.
Con todo, na vila aínda continúan zonas inundadas, en especial na contorna da praia fluvial e nas zonas da parcelaria, en Saiar e Godos.
Esta é a imaxe do Bermaña na zona da Tafona. Alí mantense a recomendación de non deixar o coche, aínda que hoxe o aparcadoiro operaba con total normalidade.
Pero en Caldas xa miran de novo ao ceo, primeiro pola chegada da borrasca Nils este mércores, que non preocupa especialmente, e despois pola nova fronte que se agarda de xoves para venres.
Río arriba, o encoro continúa aliviando aos poucos, pero co problema de que aínda continúa moi alto.
A pesar da mellora da situación nesta xornada, dende o concello insisten a manterse alerta e evitar calquera risco innecesario nas contornas do Umia e Bermaña.











