PONTEVEDRA> O Partido Popular mostrou esta mañá o seu descontento coa celebración do primeiro fin de semana de Peñas. Segundo o portavoz, Rafa Domínguez, durante esta festa Pontevedra converteuse nun botellódromo onde todo valía. O popular pediu ao BNG que recapacite e asegurou que a imaxe que se levan os turistas da cidade é pésima.
Un botellódromo descontrolado en pleno casco histórico. Así é como definiu esta mañá o Partido Popular a celebración da primeira fin de semana de Peñas. Rafa Domínguez asegurou que durante estas festas hai menores de idade consumindo alcohol na vía pública. Por iso, o voceiro popular pide maior concienciación e sensibilización ao BNG.
Para os populares, os maiores prexudicados de estas festas son os veciños, os turistas e, sobre todo, os hostaleiros.
Rafa Domínguez pediu ao BNG que reflexione sobre esta celebración e busque algunha outra alternativa. Os populares propoñen, por exemplo, a posibilidade de trasladar o botellódromo ao Recinto Feiral.
Ante estas declaracións, Carme da Silva non quixo perder nin un minuto para responder. A concelleira segue defendendo que a xuventude pontevedresa é respectuosa e responsable e pide aos populares que non reneguen dunha actividade que eles mesmos iniciaron.
Os nacionalistas aseguran que durante a primeira fin de semana de Peñas houbo moita menos xente que outros anos. O que demostra, segundo eles, que non hai un descontrol na celebración destas festas.