SALNÉS/BARBANZA> Tras despedir a época do Nadal, damos a benvida á tempada das rebaixas de inverno. Cumprindo a tradición, dende esta mañá os comercios encheron os seus escaparates de carteis anunciando importantes descontos. Aínda que na actualidade estes períodos están liberalizados, moitos comerciantes e consumidores non faltan a esta cita co consumo.
Carteis ben grandes para anunciar o inicio da tempada oficial de descontos copan dende esta mañá os escaparates. Si, hoxe comezaron as rebaixas en todos os comercios.
As rúas convertéronse nun continuo bulir de xente cargada de bolsas. Como manda a tradición, no primeiro día das rebaixas de inverno os compradores saíron á caza dos mellores descontos.
Aínda que xa durante o Nadal moitas tendas botaron man de descontos para dinamizar as compras, e a pesares do pulo que cada ano gaña o Black Friday, as rebaixas non perden adeptos.
Os consumidores aproveitan os descontos e tamén os comerciantes, que agardan que esta etapa axude a recuperar os ingresos dunha campaña invernal que non acompañou.