O parque acuático de Meis será un referente pola súa integración na natureza

MEIS> O parque acuático de Meis será un referente. Dende o concello explican que a empresa responsable quere facer da instalación meisina un exemplo á hora de combinar paisaxe, turismo e o parque en si. O rexedor destaca a importancia deste proxecto, que acadará un investimento total duns 9 millóns de euros e empregará a 80 persoas.

As obras do parque acuático de Meis comezarán a principios do 2019. Cando menos, esa é a intención do concello. Segundo o alcalde, o proxecto de urbanización xa está na fase de exposición pública, que se prolongará durante un mes, e calculan que a principios de xaneiro xa poidan conceder a licenza para a obra.

O meisino será o parque destas características máis grande da contorna, destacando o importante peso que ten a natureza no proxecto.

De feito, dende o concello ven a instalación como unha oportunidade para poñer en valor a súa natureza e, ademais, axudar a fixar poboación no rural. Unha obra ambiciosa que beneficiará toda a comarca.

Por iso non dubidan da satisfacción dos veciños con este novo proxecto. Ademais, a idea da empresa responsable é converter o parque acuático meisino nun referente para o futuro.