VILANOVA> O concello de Vilanova retirou esta mañá os polémicos testos de San Roque do Monte. O goberno local decidiu actuar despois de que os veciños que os instalaran non atenderan ás ordes de retiralos. Insisten en que a súa colocación non contaba cos permisos pertinentes. Pola súa banda, os propietarios da parcela cualifican a decisión de arbitraria, e anunciaron que tomarán medidas contra o concello.
Ás 11 da mañá un camión-grúa comezaba a retirada dos testos que sementaron a polémica en San Roque do Monte, na parroquia vilanovesa de San Miguel.
Os elementos foran instalados polos propietarios da parcela, situada fronte á capela de San Roque do Monte. Segundo o goberno local, a colocación das estruturas é ilegal, xa que non contaba co permiso do concello nin respectaba as alineacións municipais.
Tanto o goberno como os veciños xustifican cun documento do catastro de 1956 que o terreo é público, pero dúas sentenzas confirman que son de titularidade privada. Así as cousas, o alcalde insiste en que a retirada dos testos débese á aplicación do planeamento urbanístico actual.
Os propietarios da parcela aseguraron estar fartos de que vehículos e persoas invadan o seu terreo. Por iso hai un ano pediron autorización ao concello para instalar uns bolardos. A medida foi rexeitada por parte do goberno local, polo que os propietarios substituíron estes elementos por tres testos que non requirían nin obra nin permiso municipal para instalarse. Finalmente, tras solicitar en varias ocasións que os quitaran, o concello procedeu á súa retirada entre os aplausos dun grupo de veciños.
Os afectados xa anunciaron que tomarán medidas legais contra o goberno local, ao que acusan de actuar con intereses electoralistas.