(en) Volve busca cómplices para os Reis

PONTEVEDRA> Redeaxuda busca cómplices para os Reis Magos. Coa campaña (En)volve, que celebra este ano a súa quinta edición, pretenden que ningún neno quede sen agasallo de Nadal.

Co Nadal á volta o programa Redeaxuda do Concello de Pontevedra por en marcha de novo a campaña (en)Volve, unha iniciativa que ten como obxectivo que ningún menor quede sen agasallo de Nadal.

As cartas son escritas por nenos e nenas beneficiarios dos servizos sociais municipais. O ano pasado déuselle resposta a máis de 500 cartas.

A colaboración co programa é moi sinxela. Para poder participar como cómplice dos Reis Magos é necesario cubrir unha ficha. Unha vez cuberta, recibirán por WhatsApp ou de forma presencial unha carta con tres desexos, entre os que deberá elixir o agasallo que se dará para a celebración do día de Reis. Pódese colaborar ata o 28 de decembro. Polo momento xa se anotaron coma cómplices 394 persoas, pero aínda se precisan máis colaboradores para que un ano máis se acade o obxectivo de responder a tódalas cartas.