O concello da Pobra acometerá a limpeza e conservación da Torre de Bermúdez

POBRA> O concello da Pobra executará a reforma exterior da Torre de Bermúdez. O proxecto consistirá no tratamento da pedra para evitar o deterioro da decoración ornamental. Investirase unha partida de setenta e tres mil euros con cargo ó remanente de tesourería de 2017.

A emblemática Torre de Bermúdez que alberga o museo Valle-Inclán, consititúe unha das pezas máis valoradas do patrimonio pobrense. O seu estilo plateresco moi ornamentado, datado no século XVI, convérteo nun dos poucos pazos destas características que se conservan en Galicia. Por esta razón, o concello decidiu acometer unha intervención para frear o deterioro da pedra exterior e garantir a súa futura conservación.

A actuación, orzamentada en setenta e tres mil euros, acometerase con cargo ó remanente de tesourería. Dado que se trata dun ben de interese cultural require da autorización de Patrimonio para licitar o proxecto e iniciar as obras.

Dende o concello mantiveron tamén un encontro coa Dirección Xeral de Patrimonio para solicitar apoio económico co fin de acometer tamén a limpeza da cuberta. Así mesmo, dende o concello están tamén a estudar a construción de baños no auditorio anexo á torre xa que na actualidade carece deste servizo.