Sanxenxo, Vilagarcía ou Vilanova: facemos un repaso polas vilas onde caeu a Lotaría

O SALNÉS> A fortuna sorriulle ás Rías Baixas coa Lotaría do Nadal. O premio Gordo deixou un belisco en Sanxenxo. Tamén caeron quintos premios en Vilanova, Vilagarcía, Noia e Meis. Imos agora facer un repaso polos lugares nos que a fortuna quixo facer parada.

O Gordo do Sorteo de Nadal foi parar para o número 03347. O premio estivo moi repartido por toda España. Tamén caeu na provincia de Pontevedra, cun décimo premiado neste bar de Sanxenxo.  O seu responsable Fran non disimulaba a súa ledicia nin os seus nervios ante a boa nova.

Cada décimo deste premio está dotado con 400.000 euros. No local xa teñen repartido outros premios, pero nunca antes un tan importante como este. O que queda agora por resolver é saber quen ten no seu poder este valioso boleto. Por este local, situado no paseo de Silgar de Sanxenxo, pasan  milleiros de persoas durante o ano, incluíndo turistas chegados de tódolos recunchos. Aínda por riba, o décimo é de máquina.

O premio gordo tamén deixou outro décimo premiado en Combarro e outro máis en Pontevedra. Si caeron varios quintos premios, espallados por varios concellos da nosa contorna. O máis madrugador caía pasadas as 10 da mañá. O número 29.031 repartiu a súa sorte en Pontevedra, pero tamén en Noia, na administración da rúa Montero Ríos e nesta de Vilanova, situada na Avenida Augusto González Besada. Aquí vendéronse 10 décimos, agraciados cada un con 6.000 euros. Con este premio a administración vilanovesa aproveita para conmemora-lo seu vinte aniversario. Iso si, á celebración non se uniu, polo de agora, ningún dos afortunados. Como sempre iso é todo un misterio.

Outro quinto premio caía en Arousa pasadas as 11.30 horas da mañá. O número agrazado foi o 18.596, deixando a súa fortuna na administración de lotaría do Centro Comercial Arousa, en Vilagarcía.

O derradeiro quinto premio que fixo parada nas Rías Baixas foi parar a Meis. O 02308, deixou varios décimos premiados nunha tenda-bar de San Martiño.