Presentación da XIII Bandeira Porto de Vilagarcía

VILAGARCÍA> Preséntase en Vilagarcía a XIII Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía. A regata contará cun estandarte para a categoría masculina e outro para a feminina. Máis de 500 remeiros e remeiras daranse cita o domingo a mañá en Vilaxoán.

Dende o ano 2007 a Autoridade Portuaria e o Club de Remo Vilaxoán organizan a Bandeira Porto de Vilagarcía. Este domingo a partir das 11:00 horas terá lugar a XIII edición desta regata. A presidenta do Porto agradeceu o traballo do Club de Remo para que este evento sexa un éxito e mostrouse contenta de seguir colaborando.

Dende o concello tamén quixeron resaltar o labor que o club de Vilaxoán está a facer, especialmente, nas categorías base.

O club de remo Vilaxoán espera superar o seu mellor dato de participación reunindo a máis de 107 bateis, o que serían máis de 500 padexeiros. No aspecto deportivo competirán en 9 das 10 categorías ca intención de que as bandeiras queden en Vilagarcía. O presidente do club tamén falou das aspiracións dos seus deportistas para o campionato galego que terá lugar o próximo 20 de abril.

A regata pertence ó territorial sur pero dende o club invitaron ós equipos de Rianxo, A Pobra, Cabo da Cruz e Ribeira.