O conflito da mexilla estoupa en Vilaxoán con berros e insultos contra a conselleira do Mar

VILAGARCÍA> Tensión en Vilaxoán contra a Conselleira do Mar. Aproveitando unha visita de Rosa Quintana, os bateeiros concentráronse contra a nova norma que limita as zonas de extracción da mexilla. O grupo, por momentos, mesmo chegou a acurralar á Conselleira. A Federación Galega de Confrarías de Pescadores emitiu un comunicado amosando a súa repulsa ó acontecido esta mañá. Indican que a violencia física ou verbal non é a solución aos problemas do sector.

O que comezou como unha concentración tranquila rematou con momentos de tensión e berros contra a Conselleira do Mar. Aproveitando unha visita de Rosa Quintana a Vilaxoán, o sector mobilizouse contra a nova norma que limita as zonas de extracción de mexilla. A saída da popular do Intecmar non foi doada: un grupo de manifestantes cercouna ao berro de ‘traidora’. No arranque da marcha, os convocantes facían un chamamento ós mariñeiros a mante-la calma.

Os bateeiros defenden que historicamente puideron extrae-la mexilla en toda a costa galega. Lamentan que o novo decreto de Mar limite a súa extracción, segundo denuncian, nun 70%.

O sector mantivo un encontro onte mesmo coa Consellería do Mar. Os bateeiros cren que é un problema artificial, xerado pola propia administración.

Os bateeiros cren que aínda hai marxe para negociar. Unha postura que comparte a propia Conselleira. Rosa Quintana defende que a confluencia entre a mexilla e o percebe facía inviable o traballo dos dous colectivos. Algo, di, que resolve a nova norma.

E di que no resta das zonas os bateeiros poden extrae-la mexilla tal como viñan facendo ata o de agora. Con todo, Quintana di que esta é unha solución provional e que ten vontade de seguir falando co sector para revisa-las zonas que agora está en veda.