A AECC leva á rúa o debate sobre o tabaco e alerta do impacto dos novos dispositivos na mocidade

PONTEVEDRA> O tabaco e os novos dispositivos, a debate hoxe en Pontevedra. A Asociación Española Contra o Cancro converteu a Praza da Peregrina nun espazo aberto de información, reflexión e diálogo co gallo do Día Mundial Sen Tabaco celebrado o pasado domingo 31 de maio. O obxectivo: concienciar á cidadanía sobre o seu consumo e o auxe dos novos dispositivos, especialmente entre a mocidade.

Informar, reflexionar e dialogar sobre o consumo de tabaco e os novos dispositivos foi a proposta que hoxe sacou á rúa a Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra. Co gallo do Día Mundial Sen Tabaco que se conmemorou o 31 de maio, a entidade converteu a Praza da Peregrina nun espazo aberto.

López fixo fincapé na importancia da prevención. O 34% dos cancros son atribuíbles a factores de risco modificables, co tabaco como principal responsable. Non en van, case a metade de cancros que se poden previr están relacionados co seu consumo. Preocupan especialmente as novas formas de consumo, cos novos dispositivos apuntando directamente á mocidade.

Segundo esta experta, o 80% dos casos de tabaquismo comezan antes dos 18 anos, cos 14 como idade media de inicio. A isto hai que sumar a normalización cada vez maior dos cigarros electrónicos entre os adolescentes. Algo ao que contribúen as fortes campañas de marketing.

Para contrarrestar estas mensaxes, dende a Asociación Española contra o Cancro están a realizar campañas destinadas a concienciar á xente, sinalando os perigos do tabaco convencional pero poñendo o foco tamén nos novos dispositivos.

Este acto a pé de rúa tivo varios escenarios. Dunha banda, en colaboración con Radio Pontevedra, a asociación reuniu na Praza da Peregrina a profesionais, unha exfumadora, profesorado e xente nova para reflexionar sobre os riscos do tabaco e os retos de prevención. Ademais, instalou unha mesa informativa na que a cidadanía puido realizarse unha cooximetría, unha proba para medir a contía de monóxido de carbono no aire expirado para avaliar o nivel de exposición ao fume do tabaco.