VILAGARCÍA> Papá Noel aproveitaba para pasear polas diferentes localidades da nosa contorna na conta atrás para a súa xornada máis intensa. Esta noite vai repartir ducias e ducias de presentes entre os nenos e nenas. Nas xogueterías, estes días foron un ir e vir de xente, na procura dos mellores agasallos. Nós estivemos nunha tenda de Vilagarcía para coñecer cales son os xoguetes máis demandados entre os pequenos.
Faltan escasas horas para que chegue Papa Noel e vaino facer, como manda a tradición, co seu saco ateigado de agasallos. Nas cartas dos pequenos, como sempre, de todo un pouco. Entre o máis demandado neste Nadal, os BlayBlay e os Bellies.
Porque o xoguete tradicional segue a ter moito peso entre a rapazada, iso si, modernizado e adaptado aos novos tempos. Tamén vai mudando a vella distinción de xoguetes por sexos. Por sorte, cada vez é máis habitual que un neno xogue cunha boneca e que unha nena pida un balón de fútbol.
Nas xogueterías tanto Papa Noel como os Reis Magos son bos clientes, cunhas vendas equilibradas entrambas citas. Con todo, a nosa tradición segue a ter un peso destacado por riba das importadas.
A campaña do Nadal a máis importantes no sector. Durante estas festas as xogueterías fan o seu particular agosto. E iso, a pesar dunha ameaza cada vez máis forte: as vendas a través da internet.
E apuntan que para mante-lo seu volume de clientes, o segredo é mimalos, cun trato directo e personalizado, algo que a internet non pode ofrecer.