Meis anima o seu Nadal poñendo en xogo 3.000 euros para dinamizar o comercio e hostalería local

MEIS> Meis volve poñer en xogo 3.000 euros este Nadal para animar as vendas no comercio e hostalería local. A campaña arrancará este vindeiro luns, mantendo o formato dos anos anteriores. A iniciativa englóbase dentro da programación para estas Festas deseñada polo Concello. Ademais das citas clásicas, como a feira do galo de curral ou as visitas de Papá Noel ou os Reis Magos, destacan tamén outras propostas infantís, como un campamento dixital ou a Ludonadal Meis.

Este Nadal prémiate en Meis. O Concello volve apostar por esta campaña por quinto ano para fomentar as vendas durante estas festas no comercio e hostalería local. Vanse poñer en xogo 3.000 euros.

A campaña arranca este vindeiro luns e prolongarase ata o 8 de xaneiro. Dende o goberno local entenden que é un bo método para botarlle unha man os establecementos do municipio. A alcaldesa aproveita para facer un chamamento á veciñanza para que merquen neles.

Esta campaña forma parte dun programa de Nadal na que non faltarán citas clásicas, como a feira do galo de curral ou as visitas de Papá Noel e os Reis Magos, que este ano ademais de recepción inclúe unha cabalgata polas parroquias. Ademais, repiten outras propostas impulsadas en anos anteriores, como os concursos de postais ou decoración de Nadal. 

Ademais, na programación inclúense outras iniciativas infantís.

A programación complétase cun concerto de Nadal da banda da Vertula, unha actuación coa que a formación vai comemorar o seu 50 aniversario, que se conmemora no 2025.