Lacasitos e uvas en Cambados para recibir, con 12 horas de antelación, o 2019

CAMBADOS> Ademais de en Vilagarcía, as badaladas adiantáronse noutros concellos da zona, como en Sanxenxo ou en Cambados. Na vila do Albariño, os máis pequenos celebrárono ó mediodía con doce ‘lacasitos’. Por primeira vez, ademais, incluíronse este ano as uvas para os adultos.

O remate do ano en Cambados sabe a chocolate… e este ano tamén a uvas. Este ano, a organización decidiu tamén repartir uvas, pensando sobre todo nos pais e nais que acompañaban ós pequenos.

A cita foi, por terceiro ano, no Salón Peña. Entre os pequenos, a diversión estivo máis que garantida. Xogaron, bailaron e pasárono en grande. Os maiores, pola súa banda, ven a iniciativa como un bo xeito para entreter ós fillos.

Despois de tanto baile chegou o ansiado momento… As badaladas do mediodía, que daban a entrada ó 2019 en Cambados con 12 horas de antelación. Entre os nenos, á hora de escoller entre lambetadas e uvas, téñeno claro. Aínda que os máis maiores, por iso de irse afacendo ás tradicións, prefiren o de toda a vida.

Este fin de ano prematuro está organizado pola Asociación de Comerciantes Zona Centro e conta coa colaboración do Concello.