O “demo asubiador” do Gafos busca vítima para este Aninovo

PONTEVEDRA> En Aninovo, un trasno algo malvado sae a facer das súas no Val do Tomeza. O “demo asubiador” escolle unha vítima entre os incautos que pasean pola beira do río dos Gafos para facerlle a vida imposible durante o ano que está a piques de comezar.

Pasear polo río dos Gafos e o seu val ten hoxe perigo. Un pequeno demo anda a buscar algún despistado ó que atormentar durante todo o 2019 cos seus asubíos. Escolle unha vítima por ano, aínda que ningunha delas o ten feito público. Pouco ou nada se pode facer para evitalo, salvo afastarse da zona no cambio de ano.

A personaxe do “demo asubiador” é unha das lendas recollidas pola asociación “Vaipolorío” durante o seu traballo de investigación e recompilación da microtoponimia da contorna. Dezaoito anos despois da súa creación para limpar o río, moi maltratado naquela época, a asociación ten ampliado os seus obxectivos coa investigación e catalogación da flora e fauna da contorna. Todo coa finalidade de protexer este espazo natural, que está a piques de ser declarado de Interese Local, o que favorecerá o seu coidado e recuperación.