Durán non pecha a porta a tentar repetir como presidente da Mancomunidade do Salnés

O SALNÉS> Gonzalo Durán non pecha a porta a tentar repetir como presidente da Mancomunidade do Sanés. O tamén alcalde de Vilanova recoñece que no seo do PP aínda non se debateu quen debería se-lo seu candidato. Con todo, Durán insiste en que o futuro do ente comarcal pasa por unhas intensas negociacións que, segundo recoñece, dependerán da cor dos goberno locais de Meaño ou Cambados, localidades onde aínda non está claro para quen irá parar o bastón de mando.

Dez días despois das elecións, o futuro político da Mancomunidade do Salnés segue a ser unha incógnita.

Antes de despexa-lo futuro do ente queda pendente saber de que cor serán algúns gobernos municipais. Cambados ou Meaño, por exemplo, serán determinantes á hora de artella-la nova estrutura comarcal.

O único claro a día de hoxe é que ningunha formación ten maioría na Mancomunidade, polo que as diferentes formacións políticas terán que negociar. O papel dos independentes pode ser, de novo, clave.

Cada un dos nove municipios que compoñen a Mancomunidade do Sanés elixe a dous representantes, ademais dos alcaldes. As tres maiorías do PSdeG, en Vilagarcía, O Grove e A Illa poden acabar apartando do poder ó popular Gonzalo Durán. Todo dependerá de que representantes elixan os concellos nos que aínda non está claro o futuro executivo municipal.