Moraña mellora a pavimentación das estradas do centro urbano da vila

MORAÑA> O concello de Moraña realizou unha mellora en varias estradas do municipio, a través das axudas de infraestruturas de uso público que se promoven dende a Xunta de Galicia. A alcaldesa, en compañía do delegado territorial da administración autonómica e da xefa territorial de Presidencia, visitaron as rúas do casco urbano onde se actuou.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou esta mañá o concello de Moraña, en compaña da alcaldesa da localidade, Luisa Piñeiro, e da xefa territorial de Presidencia, Marta Mariño, co obxectivo de comprobar as obras executadas para a mellora de estradas a través das axudas de Infraestruturas de Uso Público.
Os traballos supuxeron a nova pavimentación de 5 viais no centro urbano por un orzjamento superior aos 55.000 euros, para o que a Consellería de Presidencia concedeu unha axuda de 33.500 a través desta orde. En concreto, actuouse sobre as rúas 8, 11, Dr. Batallán, 1 e 10, que contaban cun firme deteriorado, polo que se actuou co fin de mellorar a seguridade viaria para o tráfico rodado e a calidade e seguridade para os viandantes.
O delegado territorial tamén aproveitou a visita para recordar que o pasado 31 de decembro, o Diario Oficial de Galicia publicou as novas axudas de Vicepresidencia destinadas ás entidades locais: Por unha banda, a convocatoria de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental e, por outra banda, a Orde de Infraestruturas de uso público.