Un sanxenxino consegue que lle perdoen cinco millóns de euros grazas á lei da segunda oportinidade

SANXENXO> Un veciño de Sanxenxo conseguiu que a xustiza lle perdoe unha débada de cinco millóns de euros. Logrouno grazas á Lei de Segunda Oportunidade, ao demostrar que non houbera mala fe. A débeda herdouna dunha construtora familiar que crebou cando explotou a burbulla inmobiliaria. O paso do tempo fixo que as pólizas e xuros fosen medrando ata chegar a unha cantidade que el non podía asumir. Trátase da débeda máis alta de toda Galicia perdoada a través desta vía.

A noticia seguramente abra un camiño de esperanza para moitas outras persoas que se vexan nun caso semellante. Raquel Padín foi a avogada que levou o caso deste veciño de Sanxenxo que, sen comelas nin bebelas, acabou tendo que enfrontarse a unha débeda de cinco millóns de euros.

A estratexia entón foi botar man da coñecida como Lei da Segunda Oportunidade, un procedemento que lle permitiu a este sanxenxino rescatalo dunha situación á que non lle podía facer fronte.

O caso deste sanxenxino chama a atención polo elevado da cifra. Estamos a falar dunha das débedas perdoadas máis alta de España e a máis alta de Galicia.

Un fito tamén para o despacho desta avogada, que sinala este caso como un dos seus grandes éxitos.

A letrada lanza tamén un consello a aquelas persoas con débedas: antes de da-la batalla por perdida hai que intentalo.

Padín, malia ser unha moza, suma xa unha década de experiencia. Aproveita tamén a súa xuventude para subirse ao carro das novas tecnoloxías e lanzar consellos legais de todo tipo a través das redes sociais no perfil @raquelpadin.abogada.