Mar contará en 2021 cun orzamento de 188 millóns, un 12% máis ca este ano

BARBANZA> A Consellería do Mar contará en 2021 cun orzamento próximo ós 188 millóns de euros, o máis alto da última década. A partida máis cuantiosa destinarase a adaptar a actividade da cadea mar-industria ás novas circunstancias sanitarias derivadas da pandemia.

A conselleira do Mar comparecía a pasada tarde para presentar os orzamentos do seu departamento para o próximo exercicio. As contas ascenden a 188 millóns de euros, un 12 % máis ca o ano anterior,  dos cales máis de 100 dedicaranse a reforzar a actividade da cadea mar-industria para adaptarse á nova situación marcada pola covid.

Amplíanse nun 15% as axudas ós grupos de acción local do sector pesqueiro, superando os 18 millóns co fin de diversificar a economía costeira. Tamén medra o investimento en infraestruturas portuarias nun 40% cunha contía total que rolda os 20 millóns. A Consellería segue a apostar tamén pola investigación cun incremento do 10 % no programa de I+D+I. Nesa mesma liña, blinda os investimentos  do Intecmar, o Servizo de Gardacostas de Galicia e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar).

Ademais de debullar as distintas partidas orzamentarias, Rosa Quintana fixo referencia ás liñas de apoio previstas a través da aprobación do proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Orzamentarias como a adecuación das infraccións graves na Lei de Pesca en consonancia coa recente reforma da norma estatal.

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí