Ribadumia e A Illa únense para reclamar a recuperación do servizo de pediatría

RIBADUMIA> Ribadumia e A Illa de Arousa únense para esixir unha resposta urxente e permanente á falta dun pediatra nos seus centros de saúde. Os concellos solicitaron de xeito conxunto unha reunión co Conselleiro de Sanidade para trasladarlles a situación que están a vivir. Tamén iniciaron unha recollida de sinaturas e levarán mocións aos seus respectivos plenos para reclamar que se restableza o servizo.

Recuperar o servizo de pediatría para os seus centros de saúde. Este é o obxectivo dos goberno de Ribadumia e A Illa. Esta mañá compareceron de xeito conxunto para reclamar unha solución urxente e definitiva.

A baixa médica do pediatra que compartían ambos concellos deixou os centros de saúde sen este servizo de xeito continuo. O Sergas cúbreo agora de xeito interminente e sen planificar, facendo que a atención sexa deficitaria.

Ante esta situación, os dous concellos emprenderán accións conxuntas. A primeira, a solicitude dunha reunión co Conselleiro de Sanidade. Tamén levarán mocións aos seus respectivos plenos para buscar o apoio das corporacións ao completo nas súas reclamacións.

Sobre a posibilidade de centralizar o servizo de pediatría en Cambados, os dous rexedores aseguraron que dende o Sergas nunca recibiron ningunha noticia oficial desta opción. Por iso reclaman que se poña fin a esta situación para garantir a mellor atención aos nenos das vilas.