O Capítulo Serenísimo nomea aos novos cabaleiros e donas no retorno do seu acto

CAMBADOS> A outra cita desta última xornada da Festa do Albariño de Cambados foi o acto do Capítulo Serenísimo. Unha vintena de confrarías gastronómicas percorreron a vila no desfile para chegar finalmente ao Patio de Armas do Pazo de Fefiñáns. O acto estivo presidido polo Gran Mestre, Alberto Núñez Feijóo, que a pesares de asumir as rendas do PP estatal, non quixo perderse a cita de investidura dos novos cabaleiros e donas.

Volveu a Cambados outra das citas coas que tradicionalmente se despide a Festa do Albariño. O acto do Capítulo Serenísimo regresou ao Pazo de Fefiñáns despois de dous anos de paro.

Juan Gil aproveitou a súa intervención para anunciar que van encargar un plan director a unha consultora internacional para orientar a toma de decisións da Denominación de Orixe Rías Baixas. Ademais, o presidente do Consello alertou sobre a normativa de etiquetado na que traballa a Unión Europea.

No acto recolleron as súas capas os novos cabaleiros e donas do Capítulo Serenísimo do Albariño. Foron a astrofísica da NASA Begoña Vila, a adegueira María Sineiro, o alcalde cambadés Samuel Lago, o sumiller José Luis Aragunde e o director do xornal El Mundo, Joaquín Manso.

Este ano o Capítulo fixo unha mención especial a institucións e colectivos que loitaron para frear a pandemia. Foron nomeados Albariñenses de Honra.

Non faltou a este acto o Gran Mestre do Capítulo Serenísimo. Alberto Núñez Feijóo, actual líder do Partido Popular do Estado, desprazouse ata Cambados para presidir a cita.

Antes da cerimonia unha vintena de confrarías gastronómicas chegadas de toda España e de Portugal volveron encher de cores as rúas de Cambados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí